Saturday 27 de April de 2024

Últimos días de inscrición a prezo reducido na IV Andaina Terras de Altamira, que se marca o obxectivo de reunir a 450 persoas


A proba, organizada por O Esquío no Piñeiro e o Concello de Brión, terá lugar o 26 de maio e incluirá como novidade a entrega dunha medalla de finisher, dependendo da distancia que se faga: 14, 36 ou 50 km

A IV Andaina Terras de Altamira, que terá lugar o sábado 26 de maio, pechará o próximo luns 30 de abril o seu período de inscrición ao prezo reducido de 12 euros, que a partir do 1 de maio será de 16 euros. Unhas inscricións que poden formalizarse a través da páxina web www.andainaterrasdealtamira.org ou presencialmente na Piscina Cuberta Municipal de Brión.

A día de hoxe, xa están anotadas 143 persoas polo que tanto a asociación O Esquío no Piñeiro como o Concello de Brión, organizadores da proba, agardan cubrir as 450 prazas ofertadas nesta edición, o que suporía medio cento máis cas persoas que participaron o ano pasado. Para conseguilo, a proba contará con novos percorridos por zonas inéditas do municipio (mantendo á Carballeira de Santa Minia como eixo central da proba) e novidades como a entrega de diplomas e medallas finisher a todas as persoas participantes, diferentes segundo a distnacia que cubran: 14, 36 ou 50 quilómetros.

“Ademais quédanos moi pouco par presentar a que será a mellor bolsa do sendeirista de todas as edicións que levamos realizado e na que incluiremos varios agasallos conmemorativos da proba”, apunta Xosé Manuel Trigo, director da IV Andaina Terras de Altamira, quen sinala que “este ano escollemos un sendeiros totalmente novos para que os camiñantes poidan coñecer contornas naturais e fermosas paisaxes que, nalgúns casos, non coñecen nin os veciños da zona”.

A IV Andaina Terras de Altamira está organizada pola asociación O Esquio no Piñeiro e o Concello de Brión, que contan coa colaboración da Piscina Cuberta Municipal de Brión e da Federación Galega de Montañismo. A proba está incluída na Copa Galega de Andainas de 50 km promovida pola Federación Galega de Montañismo e puntuará para a mesma con 1 punto (tendo que conseguir 6 puntos como mínimo para optar á devandita copa).

A proba volverá estar estruturada en forma de trébol de tres follas, de forma que cada participante elixe a distancia quere percorrer: 14, 36 ou 50 quilómetros. Neste sentido, a Carballeira de Santa Minia volverá ser o punto neurálxico da proba, xa que será punto de saída e chegada das tres rutas, de 14, 22 e 14 quilómetros, respectivamente. O prazo límite de inscrición será o 23 de maio.